Sobre Nós
A Asociación Cultural Xirandela nace na Comunidade de Madrid no ano 2011 e desenvolve a súa actividade docente en Madrid, pero sempre coa mirada e o corazón en Galicia.
O obxectivo da Asociación Cultural Xirandela é transmitir e difundir a cultura tradicional galega en todos os eidos (baile, música, patrimonio oral, xogos...), dignificándoa e facéndoa accesible a todas as persoas, evitando que caia no esquecemento e recuperándoa como a oportunidade de lecer e convivencia que sempre foi no seu lugar de orixe. En Madrid tamén se pode gozar do patrimonio cultural galego!
Alén da tradición, outro dos piares fundamentais da Asociación Cultural Xirandela é o ensino de calidade. Todos os nosos profesores son artistas recoñecidos, en Galicia e fóra da terra, en cadanseu eido. Algúns deles desprázanse dende Galicia deica Madrid só para impartiren clase na nosa asociación. É unha honra para nós contarmos con tal apoio. Grazas a eles, somos quen de poñer ao dispor dos nosos asociados unha oferta didáctica verdadeiramente excepcional.
Moitos dos nosos asociados son galegos de orixe, ben por nacemento ou ben por ascendencia. Moitos outros non teñen máis relación con Galicia ca o interese compartido pola cultura e a tradición. Tal diversidade de procedencias enriquécenos. Recibimos cos brazos abertos calquera que comparta o noso entusiasmo e interese pola cultura galega.
O grupo Xirandela, formado polos membros máis activos da Asociación, ten participado nestes últimos anos en diversos festivais e actuacións en varios puntos da xeografía do noso país. Salientamos, entre outros:
-
Especial Día das Letras Galegas, programa Luar de la Televisión de Galicia, 2013.
-
Festas de Cernadilla (Zamora), 2013.
-
Concierto peche de curso da Casa de Velázquez, Madrid, 2014
-
Festival Paparandafolk (Íllora, Granada), 2015
-
Artistas invitados no concerto do grupo Milladoiro en Leganés, 2015
-
Artistas invitados no concerto de Carlos Núñez no Teatro Price de Madrid, 2017.
-
Celebración do Día das Letras Galegas, Escuela Oficial de Idiomas de Madrid, 2017.
-
Celebración do Día de los Museos, Museo de la Ciudad de Torrejón de Ardoz, 2017.
-
Festival tradicional Foliagra e Cantos de Taberna, A Coruña, 2017.
-
Foliada da Fonsagrada, 2017.
-
II Euskofoliada Barakaldo, 2018. Gañadores do Concurso de Cantos de Taberna.
-
49 Edición Festival Interceltique Lorient 2019, année de la Galice. Grupo de baile convidado no espectáculo " Os camiños de Breogán.
-
Participación no concerto de Korrontzi & Xabier Amuriza no "círculo de Bellas Artes" de Madrid, 2021.