Marina Fernández
Quen é Marina Fernández?
Nada en Vigo (1993), comeza a tocar a gaita da man de Martín González no 2006. Continúa os seus estudos na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo (E-Trad) con Xaquín Xesteira (2011-2015). Ó mesmo tempo, obtén o Título Profesional de Gaita no CMUS de Vigo (2017) e posteriormente o Título Superior en Interpretación, na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia, no CSM de Vigo (2021). Paralelamente, fórmase na Universidade de Vigo, acadando as titulacións de Grao en Linguas Estranxeiras (2015), Mestrado de Teatro e Artes escénicas (2017) e Mestrado en Formación do Profesorado (2019).
Respecto á súa actividade como intérprete, é integrante da OFG Sondeseu dende o ano 2012 e arranxista e gaiteira do grupo Maraghotas e do cuarteto Arghaço; así como gaiteira e directora da charanga do grupo Trébede. Ademais, foi gaiteira e percusionista dos grupos Ludovaina e Áureas, e ten colaborado con diferentes agrupacións como Lagharteiras, Beatriz Martínez Quinteto, B-Flecha, Banda de Música de Castrelo de Miño... Como gaiteira participa nas gravacións dos discos Danzas Brancas e Beiralúa (Sondeseu, 2013 e 2018) e ExNovo (B-Flecha, 2020); e como percusionista e gaiteira no libro- CD "Colleita propia" (Pablo F. Rial, 2019). Por outra banda, é mestra de gaita na AFC Apedradeaugas (2015-actualidade) e na Asociación Peis d’hos (2016-actualidade), onde tamén é mestra de percusión dende o ano 2018. Así mesmo, realiza substitucións na Escola de Música Tradicional e Folk de Vigo.
Ten acadado premios en concursos como gaiteira solista (3o premio no Concurso de Música Tradicional Xacarandaina, 2013) e en formación de cuarteto, entre os que cómpre sinalar un 2o premio no Concurso de Gaitas de Ponteareas co grupo Arghaço (2020), e un 3o e 4o premios no mesmo concurso con Maraghotas (2017, 2015). Como percusionista acada en cuarteto o 1o premio no VI Concurso de Música Tradicional de Luou (2012), 2o premio no XLV Concurso de gaitas de Ponteareas (2012) e 2o premio no Concurso de Música Tradicional Xacarandaina (2015), e acompañando á gaiteira Xiana Teixeiro na categoría de gaiteiros solistas obtén un 3o premio no Concurso de Gaiteiros Solistas de Tui (2017), un 1o premio no Concurso de Música Tradicional Xacarandaina (2015) e un 2o premio no concurso de Xoves Gaiteiros de O Grove (2015). Destaca, ademais, o Premio Martín Códax da Música Galega obtido co conxunto Áureas en 2017.